NCG

11 de Novembro de 2011

Dous correos que preparei para a lista de prolingua. O segundo non o enviei porque non me parece o foro para discutir isto. A historia saiu a raíz da galeguización da nova entidade financeira á que decidín mudar despois de deixar a Novacaixagalicia.

Non penso que prolingua, que é un foro de lingua, sexa o lugar pra este debate pero as miñas razóns pra abandonar o que agora é NGB e que foi NCG e anteriormente para min Caixa Galicia e anteriormente Caixa de Aforros de Santiago, da que fun impositor toda a miña vida explicoas deseguido.

Unha caixa é unha entidade de crédito. A súa fórmula de negocio é sinxelísima. Acumulo os depósitos de impositores ós que dou un interés baixo e presto diñeiro ós inversores a un interés un pouco máis alto. Como ademáis, teño unha posición de predominio nun territorio teño garantido o meu éxito porque prácticamente non teño competencia. Como son unha entidade semipública un 30% do meu seguro beneficio (se non ando con caralladas) invístoo en obra social.

A Nova Caixa Galicia tiña tres millóns de contas das que, presumo, a inmensa maioría eran (son agora en NGB) de galegos. Somos 2.7 millóns de galegos, así que iso dá unha idea da posición predominante da NCG en Galicia. É dicir, a NCG controlaba a maioría do aforro galego.

O problema veu cando pasou o que pasou. Un pode ir ó portal inmobiliario de NCG e ver onde investiu a súa pasta a NCG:
http://www.escogecasa.es/es/default.htm
Ten máis casas á venda en Almería ca nas provincias dA Coruña, Lugo e Ourense xuntas. Unha xestión moi galega.

O FROB (fondo de resgate do Banco de España) inxectou a NCG 1700 millóns de euros e como consecuencia a NCG só controla o 7% de Nova Galicia Banco. Como comparación baste que Caixa Bank, o novo banco de La Caixa está controlado en máis do 50% por La Caixa. Este dato dá conta de ata que punto NCG foi arrasada, saqueada, mal xestionada polos seus
equipos directivos anteriores. E por suposto, aquí teremos que analisar o papel dos consellos de administración e o seu nivel de control, con representantes políticos e sindicais de toda cor e, moi importante, a do Banco de España e o seu gobernador, que pasará á historia como o gobernador ó que lle quebraron decenas de entidades de crédito e o tipo só se enteraba cando os buratos eran de miles de millóns de euros (e non dimite nin o cesan).

Pra rematar só dúas cousas:

1- O Banco de España valorou o valor de NCG en 181 millóns de euros. Días despois o Banco Popular mercou o Banco Pastor por 1.300 millóns. Calquera galego sabe que a antiga NCG era moito máis grande có Banco Pastor e os propios tests de stress de marzo, creo recordar, amosaron que a situación de NCG era mellor ca do Banco Pastor. O que pasa é que NCG era dos impositores e polo tanto o Banco de España pode roubárnola impunemente para así poder vendela a prezo de ganga en tres anos a calquera banco ou fondo de investimento.

2- A NCG aprobou no seu consello a indemnización millonaria dos seus ex-directivos nun montante duns 40 millóns de euros. É dicir, que aquí a xestión nefasta que conduce á quebra non só leva ó despido inmediato e a unha investigación por se houbo fraude senón que se dá un premio que terán que pagar os clientes de Nova Galicia Banco.

Así que en vista dos puntos 1 e 2 e por moi galego que sexa Nova Galicia Banco eu teño moi claro que fagan que fagan non conten co meu diñeiro. Non podería resistir saber que José Luis Méndez segue a ingresar a súa pensión a conta dos meus aforros.

Neste punto alguén na rolda de prolingua estimou que esta última frase era “demagoxias de escaso alcance”. Así que preparei esta resposta e, como non me parece que a lista de prolingua sexa lugar pra discutir isto pois póñoo aquí e racho co silencio do meu blogue que dura máis dun ano e medio.

Pois aclaro un pouco máis. O día 18 de Xuño a Novacaixagalicia comezou a aplicar comisións de mantimento de 15 euros semestrais por cada unha das contas que ten.

Se multiplicades 15 euros por 3 millóns de contas iso fai 45 millóns de euros semestrais. Xantando na casa a principios de Xullo de cinco que estabamos xuntabamos seis contas e a nosa caixa de toda a vida levantáranos só ós comensais presentes, perto de cen euros, sen contar as comisións de apuntamento que comezaron a aplicar tamén a mediados
de ano. Como un servidor aínda ten a súa pequena nómina de investigador en dita entidade dirixuse indignado á súa oficina de toda a vida onde tivo que agardar durante 40 minutos pra ter audiencia co director. O señor director da oficina díxome que, como eu tiña a nómina domiciliada que se me aplicara a comisión “por un erro”. A verdade é que, pra ser “un erro” ben que estaban pre-avisados porque o empregado de ventanilla envioume directamente ó director. Así que por erro nos birlaban ós “clientes de toda la vida” varios millóns de euros. Ah, e se non vou non subsanan o “erro”.

A mediados de agosto anunciaban as famosas indemnizacións por un montante de 40 millóns de euros dos que uns 16.5 lle corresponden a José Luis Méndez. Dalgún lugar tiveron que saír pero un lugar que se me ocorre é das comisións nas contas dos antigos “impositores de toda la vida” agora “clientes de toda la vida” (que cinismo no slogan). Recordo que as caixas pertencían ós impositores.

Son 40 millóns de euros moitos ou poucos? Pois como dato valia dicir que o ano pasado Novacaixagalicia tivo uns beneficios de 112.3 millóns de euros. É dicir, que os antigos directivos levan en compensacións tanto como a obra social dun ano enteiro. 40 millóns de euros é tamén un cuarto do capítulo de persoal do orzamento da Universidade de Santiago, que emprega a unhas cinco mil persoas. É dicir, equivale ó salario medio de 1200 empregados da Universidade de Santiago, e os ex-directivos de NCG son unha media ducia como moito..

E falando de obra social. O outro día xa viña en “El País” como algunhas asociacións de Vigo que traballan con disminuídos físicos ou mentais e que a antiga Caixanova pagaba a través da obra social xa non reciben cartos e teñen un futuro moi incerto. Non deben de ser os únicos. E qué acontece coa propiedade dos fondos por exemplo de pintura que acumulan as Caixas? de quén son agora? estamos falando das coleccións máis importantes de pintura galega.

Poderase entender como demagoxia de escaso alcance a frase final do meu anterior correo. Pero a min férveme o sangue ver o que pasou e as indemnizacións son a pingota que fai botar por fóra. Fomos víctimas dun roubo en masa, os impositores, os empregados e a sociedade galega en xeral. Persoalmente penso que deberamos facer algo. Asociarnos e impoñer que se abra unha investigación. Creouse un buraco de 1700 millóns de euros!! Pra poñer un exemplo da magnitude os orzamentos da Xunta pró ano 2011 son de 10548 millóns de euros. O buraco correspóndese con máis do 15% do orzamento da Xunta!! son uns 629 euros por cada galego!! O salario medio en Galicia é de 800 euros ó mes. Pra reunir 1700 millóns de euros todos os galegos teríamos que traballar máis de tres semanas. Ou se pagamos un 30% de impostos, equivale ós impostos
dos galegos de 9 semanas. Outro exemplo, con 1700 millóns de euros a Universidade de Santiago funciona aproximadamente SETE anos.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | Comentarios desactivados en NCG

O dentífrico na rúa

12 de Maio de 2010

Escrito en Lisboa na mes de Marzo, rescato este post co gallo da participación do Atl. Madrid na final da UEFA Cup.

A verdade é que non me podo resistir a escribir outra entrada e debo confesar que a miña inspiración foi o meu tubo de pasta de dentes. Eu son dos que se sinte incómodo se non lavo os dentes despois de cada comida e claro, desde que deixei de vivir en Santiago para incorporarme ós horarios de xornada continuada, no que o almorzo se fai no traballo, non queda outra que ter un cepilliño e un tubiño na oficina. Por enriba, se un está de viaxe, e tal como están as medidas de seguridade no que ao tráfico de avión se refire, tampouco se trata de levar dous destes recipientes, mesmo se vai na equipaxe facturada, que se arrisca un a que o prendan por terrorista internacional nos aeroportos USA ou nos do Reino Unido. Así que como só teño un tubo de pasta lévoo no bolso do apartamento de invitados do Complexo Interdisciplinar da Universidade de Lisboa ás oficinas do LIP ben pertiño da praza de touradas no Campo Pequeno lisboeta.

Pois velaí que o pasado xoves, quinta feira, o Sporting de Lisboa xogaba na “UEFA Cup” a eliminatoria de oitavos de final contra o Atlético de Madrid, e como queira que un é futboleiro e os “bilhetes” non estaba caros pois alá me fun “sozinho” non sen antes mercar un sandes de queixo e presunto. Preséntome no estadio Jose Alvalade con ben de tempo (pois tiña medo de quedar sen entrada) e, xa co meu boleto na mao dispóñome a franquear as medidas de seguridade que consistían no cacheo por amable “UEFA Steward” portugués, supoño que ben aleccionado polos seus superiores de empregarse con moito celo xa que os siareiros do Atlético pasaran a mañá a guindar pedras nos arredores do estadio (un día gustaría saber cómo é posible que varios miles de persoas poidan viaxar cada semana, entrar en estadios de fútbol e gardar o seu traballo ou non arruínarse). E aquí comezan os problemas. O sandes de presunto “não passa”, supoño que porque pode levar dentro un barreno de TNT. “Sem problema”, como o sandes a toda pastilla pra, no segundo intento de entrar, descubrir que no bolso da miña casaca levo o meu tubo de dentífrico sensodyne e o meu cepillo de dentes. Despois dunha discusión, breve, co “UEFA Steward” quédame claro que o cepillo pasa pero que a pasta non. Así que eu, que son devoto da Virxe do Puño, saio outra vez pra fóra do estadio e deixo o meu tubiño contra un pilar onde agardo que pase o máis desapercibido posible. Entro, vexo o xogo, que remata 2-2 cun par de bos golos do Kun Agüero. Os radicais do Sporting, chamados “Juve Leo” fan estoupar dous barrenos e o estadio case cae embaixo, supoño que darían cun “Steward” máis condescendente. Satisfeito co espectáculo saio a rencontrarme co sensodyne. E ó saír e recuperalo, coas súas lendas en Francés e Inglés, invádeme a sensación de que nese tubo de dentes se condensa a globalización, imaxino que un policía tivese reparado nel e supoño a súa sorpresa porque, ¿qué raio fai un tubo de dentífrico do Québec contra a parede do José Alvalade nun xogo de futebol entre una equipa portuguesa e outra española? supoño que a resposta obvia era… viña no bolso dun galeguiño e non llo deixaron pasar.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | Comentarios desactivados en O dentífrico na rúa

En el camino

8 de Maio de 2010

Leo no xornal “El País”, que continúa a ser a miña referencia na prensa “spanish”, que están preparando a versión en cinema da obra principal do movemento “beat”, o “On the Road” de Kerouac, e a verdade é que me erguín esta maña “troublé” por ata que punto o mundo da traducción pode cometer o delito de estragar o traballo dun autor. E dígoo porque mentras o título “On the Road” é perfecto para a obra, polo que evoca de dureza, de asfalto, de ruptura social, da liberdade dos US despois da guerra, da estrada cómo símbolo, por todo, joder, por todo, “En el Camino” que é o que algún desafortunado tivo a ben a escoller para o título en español evócame a calquera cousa menos ao que Kerouac escribiu: desde o libro de cabeceira da militancia do Opus Dei, á poesía de Machado, pasando por Delibes ou as caralladas almibaradas do burrito Platero e os seus rizos. Como moito imaxínome a Labordeta coa súa mochila, ou a famosa “piedra”. En fin, que xa postos, calquera elección tería sido mellor, desde “En ruta” que cheira a guía de viaxes, a discoteca compostelana ou a Harley Davison, á miña favorita “En la carretera” que polo menos evoca a aquelo de “soy un macarra, soy un hortera y voy a toda hostia por la carretera” que de xeito un pouco casposo conecta algo co espíritu do libro.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | Comentarios desactivados en En el camino

Medios Imparciais

29 de Xuño de 2009

Que quede claro que me solidarizo coa protesta feita pola ex-conselleira da CRTVG Tareixa Navaza que acusaba aos partidos con representación no parlamento de utilizar o consello da CRTVG como mecanismo de “liberar” nuns casos ou de “retirar” noutros casos a destacados membros deses mesmos partidos. Que quede tamén claro que a remuneración bruta duns setenta e cinco mil euros ao ano me parece excesiva para as obrigacións que ditos conselleiros teñen asignadas que se limitan á asistencia a dous consellos ao mes no que esencialmente dan visto bo á actividade da dirección. Que quede así mesmo claro que me parece abusivo que por riba de cobrar un salario íntegro por ser conselleiros cobren dietas e complementos por asistir aos ditos consellos. Estou a favor de que cando un traballador teña que realizar un desprazamento extraordinario no decurso da súa actividade reciba unha compensación por tal esforzo mais, no caso dos conselleiros da CRTVG, é discutible que o desprazamentos aos consellos teña o caracter de extraordinario.

Agora ben, o que é inadmisible é que por enriba, e debido ao caracter institucional do cargo algúns dos conselleiros aproveitaran para, abusando do sistema, enriquecerse escandalosamente. A nova pode consultarse aquí:

http://www.xornalistas.com/novidades/nova.php?id=6030&lg=gal

O que lle falla comentar a esta nova, redactada de xeito moi pouco inocente polo xornal “El País” é decir que dos cinco millóns e medio que se repartiron os conselleiros da CRTVG unha grande proporción (da orde dos catro millóns) correspóndense co de salario e asistencia a consellos, en resumo, o fixo que os conselleiros non tiñan que reclamar. Elevado ou non xa foi discutido e a realidade é que os propios conselleiros non se poñen os soldos a sí propios. A noticia en sí mesma é que nos derradeiros cinco anos, cinco conselleiros, tres do PP e 2 do PSOE cobraron, neste caso si a iniciativa propia, un millón e medio de euros, 250 millóns das antigas pesetas, de sobresoldo en dietas por acudir a actos como a feira da augardente de Portomarín. E esto non deixa de ser relevante pois tén connotacións de caracter político. Resístome a crer que se os conselleiros fosen só do PP o xornal madrileño empregase un enfoque tan xeral no que enmerda globalmente a tódolos conselleiros, coma se todos se tivesen comportado de igual xeito. Pero a realidade é que os que se aproveitaron foron só cinco, con nome e apelidos e nomeados por dous partidos en particular aos que non escoitamos pronunciarse.

Merda haina en todos lados, nalgúns menos que en outros. O que non vale é que cando a merda a teñen uns se airee e que cando a teñen outros o problema se xeralice e se lle atribúa a todos por igual.

Un saúdo respetuoso ós conselleiros que non abusaron do sistema.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | Comentarios desactivados en Medios Imparciais

O fillo de Ofelia

9 de Xuño de 2009

Miña madriña, Ofelia Fernández Fernández, naceu en Cuba. A súa primeira lembranza era dun home que se puxera a nadar e ó que un tabeirón lle comera unha perna. Moi nova, con dous ou tres anos, voltou para Carracedo, no concello da Fonsagrada, de onde prácticamente non saiu. Ata que cumpriu trinta e pico anos non voltou a ver o mar. Foi nunha viaxe que fixo Á Coruña.

A pesares de ter nacido en Cuba a madriña falaba moi mal en español. Era polo tanto evidente que a única lingua que lles falara ós seus fillos foi o galego que ela sabía.

Lendo unha revista homenaxe que lle fixeron ó tío Antón, cuñado de Ofelia, descubrín que o primeiro libro que meu pai Antón Santamarina, o fillo de Ofelia, leu en galego foi “Aires da miña terra”. Creo recordar que decía alí que tiña uns dezaseis anos. Contaba alí a profunda impresión que para el fora ler aquel libro. É curioso, ver como, ás veces, un descubre dun xeito indirecto, lendo unha revista, facetas dalguén que tén tan próximo, como é o propio pai.

Meu pai estudiou bacharelato en Lugo. E posteriormente trasladouse a Santiago para facer a carreira de filolosofía e letras na Universidade de Santiago onde realizou o seu doutoramento baixo a dirección de Constantino García cunha tese titulada “el verbo gallego” que analiza a gramatica da conxugación verbal en galego tomando como exemplo o vale do Suarna (onde naceu).

Eran tempos nos que o galego estaba prohibido. Conta meu pai que un día, cantando en galego pola rúa cos seus dous curmáns, parounos a garda civil e a un deles caeulle un par de hostias. Tamén conta que cando eu nacín, no 1972, foi rexistrarme co meu nome “Cibrán”. Como os nomes galegos non estaban permitidos se o funcionario coñecía o equivalente en castelán obrigabache a utilizalo. Iso se non se rebotaba e te denunciaba. Nunha dictadura fascista, na que che pegaban, multaban, inhabilitaban ou metían na cadea arbitrariamente unha cousa tan banal como rexistrar ó teu fillo cun nome xenuinamente galego era algo que poñía a proba a coraxe dalgúns. Nesta circunstancia aló se presentou o Antón, cun fillo recén nacido e con trinta anos, nun rexistro civil para inscribirme. Coou porque o funcionario non sabía que o Cibrán galego equivale ó Cipriano castelán e coou dous anos despois cando tampouco adiviñaron que Duarte equivale a Eduardo.

Nesta época o Instituto da Lingua Galega (ILG), creado por un grupiño de filólogos, moitos da escola de don Constantino, editaba o método “Gallego, 1, 2 e 3”, tres libros que son o primeiro método de aprendizaxe de galego da historia. Todo isto aínda na dictadura. Entre eles estaban Manolo González, Paco Fernández Rei, Charo Álvarez Blanco, Ramón Lorenzo e algúns máis. Perdóenme os ausentes pero falo dos que máis viñan pola casa de cando en vez cear a tortilla de patacas que preparaba miña nai.

A dictadura rematou e chegou a democracia e a autonomía. E o galego pasou a ser legal sen ter unha normativa. E aquel grupo de filólogos foron os encargados de escribir a normativa. E para iso baseáronse no galego que sabían, que era moito, e na tradición literaria xa existente. O seu traballo extendeuse a moitos outros ámbitos, como a toponimia, a dialectoloxía, a gramática, a literatura, etc. Nesta etapa uníronse outros novos filólogos de grande valía como Quique Monteagudo, Xosé Luis Regueira, Loli Vilavedra e moitos máis.

O soño do meu pai foi sempre o diccionario. Crear un diccionario que recollese tódalas palabras do galego. E así naceron proxectos coma o VOLGA, un listado editado, pois víase que o diccionario perfecto ía precisar aínda algún tempo, ou o diccionario de diccionarios, que recolle tódold diccionarios históricos do galego nun CD-ROM (e hai diccionarios do século XIX). Porque o que máis lle gusta a Antón son as palabras.

Vivindo aquí en Montreal foi unha agradable sorpresa ver que podia disfrutar e compartir o amor de meu pai polas palabras escoitando o programa da Radio Galega, chamado “o tren do serán”. Neste programa, o meu pai analiza cada venres cinco palabras que durante a semana o programa foi discutindo coa audiencia. É realmente é unha maravilla disfrutar da nosa lingua cos comentarios do Antón. Realmente, como fillo, son sospeitoso de subxectividade pero invito a que cadaquén xuzgue por si propio. Cada verba convírtese nun tesouro, a etimoloxía, os diccionarios nos que foi recollida, sinónimos, antónimos, vínculos coas demáis linguas e algunha que outra poesía. Escóitoo sempre que podo (ás 11:30 aquí en Montreal, 5:30 pm en Galicia). A verdade é que se nota o amor que meu pai lle tén á súa lingua, transmíteo.

Escribo todo isto porque parece que segundo un informe do “think tank” dun partido político, os filólogos do ILG, que mamaron o galego dende o berce, se xuntaron un bo día e decidiron crear unha lingua artificial que parece que inventaron entre eles. E seica o fixeron nunha especie de maniobra orquestada con non se sabe ben qué fins maquiavélicos. Unha versión que recorda á novela de Frankestein. Agarraron os cirurxáns unha perna aquí, unha cabeza acolá e crearon un monstro. Supoño que para autor deste “informe” entre eles falarían español, ante a imposibilidade de entenderse en galego, vindo como viñan de diferentes lugares de Galicia.

Que non se engane este señor quen o lea ou quen lle encargou tal “estudio”. O que fan os filólogos que traballan no Instituto da Lingua é simplemente amar a súa lingua, á que adican as súas vidas. E a verdade é que isto non me resulta moi sorprendente. Penso que dalgún xeito todos debemos de amar todas as linguas do mundo pero, particularmente, aquela que nos foi legada polos nosos pais. O salientable é que, nos primeiros momentos en que eles se adicaron a recuperar e dignificar ó galego, podían dende darche unhas hostias se cantabas pola rúa e ata meterte na cadea se escribias na nosa lingua. E aínda peor, uns anos antes pegabanche un tiro e deixabante nunha cuneta.

O que si que resulta chamativo, sorprendente e preocupante é que haxa persoas, coma este señor, que odien o galego. Afortunadamente estes, que antes usaban pistolas, agora vanse conformando coa mentira e o engano, potenciados, eso si, polo seu poder económico e mediatico. En todo caso, estas xentes, á hora de buscar, que busquen no seu interior. Poida que aí atopen ó monstro de Frankestein que procuran.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | Comentarios desactivados en O fillo de Ofelia

O fútbol é así

15 de Abril de 2009

Un dos candidatos a ser portavoz do BNG di que:

“É unha mágoa que, en vez de debate político, se xire sobre persoas, gustos ou non se sabe ben que”

e a verdade é que non podo estar máis dacordo. O que non nos aclara é de quén é a responsabilidade de que esto teña acontecido.

Fai sol en Montreal.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | Un comentario »

De soños e celadores

12 de Abril de 2009

Teño un colega en Montreal, de nome Nicolás, que veu dende o Líbano. Este rapaz chegou aquí con dezaseis anos e decidiu que quería ser fútbolista profesional. Isto non deixa de ser sorprendente posto que o Quebec ou o Canadá non parecen o lugar máis axeitado pra facerse fútbolista, se acaso xogador de hoquei sobre xeo. Por riba, nos países con máis tradición fútboleira, con dezaseis anos, e se non es un crack, o que estás é pensando en deixalo máis que en comezar a túa carreira.

O conto é que o Nicolás pasou dous anos da súa mocedade adestrando moi en serio pra xogar ao fútbol como profesional. Non sei moi ben o que fixo pero non lle debeu cundir moito pois un servidor botoulle unhas pachangas e, sen pasar eu de campeón da liga de futbito do IES Rosalía de Castro (e grazas a un amigo que tiñamos no equipo que xogaba no Atlético Fátima), non podo decir que o meu amigo, o libanés, fose mellor ca min.

O admirable é que o bo do Nicolás tiña un soño e tentou levalo adiante a pesares de que a cousa non había por onde collela. O caso é un pouco extremo pero reflexa a mentalidade xeral en Montreal. Aquí a xente (ou polo menos a que eu atopo) quere ser director de cinema, cooperante internacional, antropólogo, bioquímico, sociólogo, e un longo etc. E a realidade é que o tentan, e ás veces sáelles ben e ás veces non.

Leo esta nova en “El Correo Gallego”: “Más de cien mil opositores para seis mil plazas de funcionarios”. A cousa resulta chamativa. Non tanto entre os que aspiran a ser médico ou enfermeiro, 4 por praza pra unhas mil prazas e 7 por praza pra unhas 1100 prazas respectivamente, senón polas categorías non sanitarias altamente demandadas. Por exemplo, na de “función administrativa”: 117 prazas para 11.254 solicitantes (96 a 1), e particularmente na de “celador”: 67 aspirantes por posto, para 242 posicións, o que fai un total de 16.214 candidatos.

Fai uns anos, vivindo eu en Suiza, onde pasei 4 anos e medio, facía ás veces o traxecto ata Galicia en coche. Aínda era época de Fraga, e a pesares diso, como acto “patriótico” de chegada a Galicia, cando pasabamos por Pedrafita poñía a Radio Galega (e confeso que cantaba o himno, as dúas partes). Unha desas veces, penso que no vran do 2004, a Radio Galega abría as súas noticias dende o recinto da Semana Verde de Silleda onde corenta mil opositores concursaban a postos da categoría D?, ou E?, a máis baixa ao fin e ao cabo, de funcionarios da Xunta. Un deles, de nome Jorge, licenciado en historia, queixábase en entrevista en directo de que o temario era moi difícil e non adaptado ao posto, que “para qué precisaba el saber a constitución española ou o estatuto se o que aspiraba era a ser celador dunha escola?” El o que quería era “descolgar o teléfono”, “varrer un pouco” e “colocar as cadeiras cando os nenos estiveran fora”.

A min o que máis me abraiara da noticia non é que Jorge quixese ser celador, era que en Galicia había corenta mil Jorges. E se consideramos que sodes uns dous millóns setecentos mil galegos en Galicia, e que a idade pra facer oposicións estará entre os 20 e os 35 anos, supoño que nesa franxa de idade haberá uns trescentos ou catrocentos mil galegos e, espero que non vos esteades perdendo cos números, dado que corenta mil é o dez por cento de catrocentos mil resulta que un dez por cento dos galegos entre 20 e 35 anos quere ser celador.

A verdade é que, considerando a demanda que hai e o duras que son as oposicións é posible que entre o opositor Jorge e o meu amigo Nicolás non haxa tanta diferencia e que os galegos sexamos tamén uns soñadores. O que alguén me tería que explicar é por qué tantos soñamos con ser celadores. O Nicolás deixou o seu soño de ser fútbolista e agora dirixe unha sección dunha empresa informática. Parece que lle vai moi ben. De Jorge nunca máis souben, ao mellor se presenta a estas oposicións ou tal vez aprobou e cumpriu o seu soño.

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg-h/cien-mil-opositores-seis-mil-plazas-funcionarios/idEdicion-2009-04-09/idNoticia-414847/

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | 2 comentarios »

Ola Mundo!

12 de Abril de 2009

Comezo hoxe este blog. Supoño que un pouco coa intención que todo o que comeza un blog tén. Esa necesidade de contar e supoñer que alguén o vai ler. A realidade é que vivín moi intensamente as últimas eleccións galegas e isto fixo que esta necesidade se convertise en acción. Veremos no que queda.

Quero aclarar que vivo dende xuño do 2006 en Montreal, no Quebec e que deixei Galicia en setembro do 2001 (vai facer oito anos). Primeiro estiven catro anos e medio en Xenebra (e na Francia veciña). En todo ese tempo estiven moi comunicado co país, a través da familia, tanto por skype, como por correo electrónico ou lendo os xornais pero últimamente observei, con desconfianza inicial pero cada vez máis convencido o fenómeno da internet máis interactiva. O Facebook ou os blogs fan a diferencia non só cunha internet máis pasiva mais tamén coa televisión ou a radio.

O título do blog, “as crónicas do Plateau-Mont Royal” é tomado do título dunha serie de libros de Michel Tremblay, o autor quebequés máis popular. O Plateau de Montreal é o barrio do ensanche que naceu a mediados do século XX e onde se foron instalando as vagas de inmigrantes chegados do resto do Quebec (rural) e do mundo enteiro. Os francófonos de Montreal falaban o joile (o francés popular) sen tradición escrita, moi despreciado non só polos anglófonos senón tamén por moitos francófonos que vían no estándar francés o camiño a seguir. Michel Tremblay foi o primeiro en escribir na lingua popular e rescatou a autoestima de moitos quebequeses.

Recoñezo que cando cheguei a Montreal merquei unha copia de “Les Belles Soeurs”, a súa primeira obra, e que non fun quén de ler moito pero prometo tentalo de novo ben pronto en homenaxe a Michel Tremblay e por permitirme roubarlle o seu título para o meu blog.

Publicado na categoría Sen clasificar | Enriba | 3 comentarios »